Un xamoneiro patentado e fabricado en Lugo revoluciona o mercado

O mercado do xamón en España está a empezar a vivir unha pequena revolución provocada por un aparello ideado e fabricado en Lugo: un xamoneiro que permite colocar a pata en vertical e cambia totalmente a forma de cortar xamón. O soporte foi ideado e patentado por unha empresa de Lugo e un dos modelos fabrícase no polígono do Ceao.

A primeira versión do novo xamoneiro saíu ao mercado en 2008 por iniciativa dun veciño da Pontenova, José Muruais Otero, que foi quen o ideou. Posteriormente entrou en contacto cun mozo emprendedor lucense, Carlos Cesteros. Xuntos foron mellorando o modelo e en decembro pasado constituíron a empresa Iberlonver para dar un impulso á comercialización do produto, que xa utilizan moitos hostaleiros lucenses.

As vantaxes deste xamoneiro son múltiples, aseguran os seus promotores. A primeira é que o corte é moito máis fácil e permite aproveitar moito máis a pata. «Os hostaleiros dinnos que sacan ata un 30% máis de xamón. Queda o óso limpo, case non vale nin para o caldo», chancea Cesteros.

Pero, ademais, a posición vertical do xamón evita que a graxa se caia, co cal a pata non se reseca. «O que víamos, e o que nos dicía todo o mundo, particulares e hostaleiros, é que non consumían xamón porque non sabían cortalo ou leváballes moito tempo, secábase, collía mal aspecto..., co cal ao final acababan tirando parte del. Pois con este xamoneiro é todo o contrario, porque calquera persoa, sen ningún coñecemento nin habilidade, o pode cortar, e de forma máis segura», afirma Muruais, o inventor.

Outras vantaxes -engaden os empresarios- son que, con este corte, nunha mesma loncha van ata cinco partes distintas do xamón, cos seus correspondentes matices de sabores, e, doutra banda, córtase a fibra. O resultado é unha loncha máis saborosa, masticable e dixestiva, afirman os empresarios

Baixo a marca Lonver, a empresa ofrece dous tipos de xamoneiros: un de aceiro inoxidable que se fabrica en Lugo, na empresa Ceao Inox, e outro que combina aceiro e plástico. A parte de metal tamén se fai en Lugo e a outra, en Portugal. «A nosa idea era fabricar todo se non era posible en Lugo, en España, pero non atopamos empresa que nos convencera», explica Cesteros.

Ambos os modelos suxéitanse á mesa cunha potente ventosa, aínda que o de metal tamén ten a opción de parafusalo, á mesa ou á parede, para que ocupe menos espazo. De momento pódense comprar por internet -www.lonver.es-, con envío gratuíto para España, Portugal, Andorra e Francia, aínda que é posible que en breve se atopen en ferraxerías. O de plástico costa 100 euros e o de aceiro, oscila entre 120 e 160 euros, en función das pezas que se desexen. Ademais do prezo, tamén varía a garantía entre un e outro modelo. No caso do de metal, é para sempre; mentres que o plástico consérvaa por quince anos. Iberlonver vendeu xa uns mil xamoneiros.