O porcino galego aposta pola exportación

O porcino galego aposta pola exportación, que lle reporta xa uns 190 millóns anuais Etiquetas:

Lugo, Congreso Internacional do Xamón 22/09/2011 -

O xamón vende. A súa internacionalización foi posta como exemplo, na primeira xornada do Congreso Mundial, do camiño que deben seguir outros sectores para paliar a crise. «O reto é seguir crecendo en calidade, competitividade, prestixio e eliminar barreiras comerciais», asegurou onte a directora xeral de Industria e Mercados Alimentarios do Goberno central, Isabel Bombal.

Neste foro internacional, que reunirá ata mañá a 480 congresistas duns catorce países, xa se iniciaron onte os contactos comerciais entre empresas españolas e importadoras de Xapón, Alemaña, Brasil e México.

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que asistiu á inauguración, coincidiu en que o mercado exterior é «fundamental» para o xamón, en concreto, e para o porcino, en xeral, que exporta un terzo da súa produción, o que supón en Galicia 190 millóns de euros anuais.

O futuro deste sector, cuxas 300 empresas galegas facturan 1.400 millóns ao ano e xeran 8.000 empregos, tamén pasa, a xuízo do conselleiro de Medio Rural, por melloras «tecnolóxicas» para reforzar a súa competitividade; pola «transparencia dos mercados internacionais», que free a especulación; pola «estabilidade dos prezos das materias primas», que supoñen entre o 65 e o 70% do custo de produción, e pola seguridade alimentaria.

Á inauguración do congreso tamén asistiron, entre outros, os presidentes das dúas entidades que organizan o congreso, a Fundación Feiras e Exposicións e a Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), Eduardo Núñez-Torrón e Manuel Losada, respectivamente; o concelleiro de cultura e turismo, Antón Bao, e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen presentou á provincia de Lugo como «o mellor supermercado do mundo» pola «horta de toda a vida e o Mar Cantábrico».

FUTURO

Os pasos da investigación O presidente do comité científico, Miguel Fernández, destacou que se está traballando tanto nos procesos de produción e transformación como no da comercialización. O que é tamén presidente do Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia dixo que, por exemplo, para mellorar a curación está a investigarse «na selección de cepas autóctonas de fermentos».

Recuperación Miguel Fernández destacou que Galicia está a recuperar «esa produción tradicional que nos identifica cun xamón diferente ás demáis comunidades autónomas pola climatoloxía e o bo facer».

Temas Nas 36 relatorios científicos que se exporán ata mañá abordaranse, entre outros temas, a mellora xenética e de selección; os avances tecnolóxicos no procesado de carnes; os controis de calidade e trazabilidade ou a saúde animal e a seguridade alimentaria. Estes aspectos son considerados fundamentais para que este produto poida ter presenza con éxito no mercado exterior.